Moitas veces, tivemos que escoitar: “ El gallego no és una lengua”, "El gallego no és una lengua científica", “ Con el gallego no vas a ningún lado”....
O galego é a miña lingua, a dos meus pais e a dos meus avós, a dos meus devanceiros, e polo tanto será a dos meus fillos. A lingua dos arrolos, a das verbas xeitosas cheas do agarimo dunha nai polos seus fillos.
Quero aplicar a miña ciencia á lingua, para pintar a face do noso maior ben colectivo, a nosa mellor herdanza, a mellor tarxeta de presentación dun pobo: a lingua galega.

miércoles, 26 de octubre de 2011

O Venres... Samaín!









Este venres 28 de outubro celebrámolo o noso Samaín. Unha celebración onde non faltarán as cabazas decoradas, os contos de medo e mesmo unha gran merenda de outono.

Pero de onde ven esta festa?

-ORIXE HISTÓRICA DA FESTA-
         A orixe desta festa de defuntos e da tradición da talla de caveiras de calacú pérdese na noite dos tempos e posiblemente as celebracións de hoxe en día sexan a mestura das tradicións e dos ritos dos diferentes pobos que pasaron por esta terra.
 
                Así, para os celtas o Samaín ( 31 de outubro) era a derradeira noite do ano e considerábase  un momento propicio para presaxia-lo futuro. Pensaban que nesta noite as portas do outro mundo quedaban abertas e as ánimas dos difuntos, e outros espíritos,  invadían, por unhas horas, o mundo dos vivos.  As ánimas dos finados voltaban para visita-las súas famílias nas que foran as súas casas para quentárense a carón do lume e comeren dos alimentos que  lles tiñan preparados. Os druídas celtas tamén acendían grandes fogueiras e colocaban as caveiras iluminadas dos seus inimigos no máis alto dos castros co aquel de escorrentaren os espíritos malignos.  Posiblemente de aí vén o costume de facer caveiras coas cabazas e pórlles  despoís unha candea acesa dentro. Esta tradición conservouse ata os nosos días en toda Galicia e en cada lugar recibe distintos nomes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense, etc. Hai apenas 25 anos aínda se facían na parroquia de Salcedo.

Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano,  era tradición común en Galicia, así que xa sabedes, menos Halloween e máis Samaín!

martes, 18 de octubre de 2011

3º Outono Fotográfico


Polos altos do pousadoiro
anda unha nena cun zoscadoiro
para zoscarlles ó vento nordés,
porque lle puxo o paraugas do revés
e mollouna todiña,
da cabeza ós pés”.
(XOAN BABARRO “Ten , ten a miña caseta…” Árbore. Galaxia)


Xa temos en marcha o noso 3º Outono fotográfico. Unha iniciativa que tenta fomentar a expresividade e a creatividade do noso alumnado. Pódense traer fotos que ilustren esta época do ano, pero han de vir acompañadas dun pequeno texto onde se conte porque se tomou... ilustrando a mesma... ou mesmo cunha pequena poesía.

Animádevos! Con todas elas faremos unha gran exposición na entrada do colexio. Estades todos invitados a participar.

lunes, 17 de octubre de 2011

Cantigas de Peto!


A pesar de tódolos recortes que estamos a sufrir, nós non paramos. E xa estamos cunha nova actividade: As nosas Cantigas de Peto.


 
Esta actividade ten como finalidade a recuperación dunha das nosas tradicións máis propias; o feito de cantar e compartir momentos de ledicia coa nosa lingua presente.
Partiremos da “Rianxeira” pasaremos por “Catro vellos...” e así mes tras mes, iremos aprendendo cantigas que forman parte da nosa cultura.

Xa sabedes! Os últimos venres de cada mes tedes unha cita coa música de sempre. Ás dúas menos dez estades todos invitados: a cantar, a tocar ou simplemente a ver o ben que o pasamos. Animádevos!