Moitas veces, tivemos que escoitar: “ El gallego no és una lengua”, "El gallego no és una lengua científica", “ Con el gallego no vas a ningún lado”....
O galego é a miña lingua, a dos meus pais e a dos meus avós, a dos meus devanceiros, e polo tanto será a dos meus fillos. A lingua dos arrolos, a das verbas xeitosas cheas do agarimo dunha nai polos seus fillos.
Quero aplicar a miña ciencia á lingua, para pintar a face do noso maior ben colectivo, a nosa mellor herdanza, a mellor tarxeta de presentación dun pobo: a lingua galega.

viernes, 25 de noviembre de 2016

DÍA MUNDIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Hoxe, 25 de novembro, as nenas, nenos, nais, pais, profesoras e profesores do CEIP As Covas reunímonos para conmemorar o Día Mundial Contra a Violencia de Xénero.

Con este acto e esta pancarta queremos dicir que...

Ningunha persoa ten dereito a:

- Agredir a outra persoa, nin física nin psicolóxicamente.
- A forzar a ninguén a facer algo que non quere.
- A discriminar a ningunha persoa por mor do seu xénero.

Todas as persoas temos dereito a:

- Vivir unha vida libre sen abuso de poder.
- A contalo, cando sean vítimas de violencia ou abusos.
- A buscar apois e pedir axuda.
- A sentir e expresar medo, rabia, tristeza ou alegría.

Por último, queremos manifestar o noso compromiso de traballar para combatir a violencia contra as mulleres e calquer outro tipo de violencia.

NIN UNHA MENOS!!!

Magosto 2016




O día 11 de novembro celebramos o Magosto no CEIP As Covas.

Foi unha xornada chea de diversión, xogos populares e o máis importante, CASTAÑAS!!!

Grazas a todos os asistentes pola vosa participación, pola axuda asando as castañas e por ensinarnos que sempre se pode ser neno. 

Ata o ano que ven!





miércoles, 2 de noviembre de 2016

Samaín 2016

Pasou o días, pasou a romaría!

Despedimos xa o Samaín 2016, non sen antes agradecer a familias e alumn@s os riquísimos doces que achegastes e o traballo coas cabazas. Auténticas obras de arte!

Agardámosvos dentro de ben pouquiño co Magosto 2016!

Moitas grazas.

O EDNL

sábado, 8 de octubre de 2016

8º Outono Fotográfico



Ven onda nós o outono
dacabalo do aire;
nos camiños da fraga
os ourizos xa abren.
Síntoo chegar contento
da eterna viaxe
enredando entre as follas,
estreando friaxe.

Ana Mª Fernández.”Ondas de verde e azul”.

Pois sí, o Outono do 2016 xa está connosco e para quedarse unha boa tempada.

 Xa comezamos a ver algunhas follas das árbores no chan ou como o as cores das nosas paisaxes mudan a tonos avermellados e amarelos.  Por outra banda, en canto comece o frío e se acurten os días, algúns animáis comezarán a migrar a sitios máis quentiños e outros a hibernar.  

No CEIP As Covas, pola contra, non temos pensado movernos de Meaño nin botar un soneca. Todo o contrario!

Por octavo ano consecutivo  comezamos co “Outono Fotográfico” e gustaríanos moito que sairades ao monte e nos trouxerades fotos de recordo con descripcións das mesmas para facer unha exposición na entrada da escola.

Animádevos!

domingo, 2 de octubre de 2016

Comezamos!




Desta volta fixémonos de rogar un pouquiño, pero xa estamos aquí!

Un novo curso 2016-17 comeza, e con el, unha morea de actividades para seguir dándolle á lingua. Á nosa lingua.

Este ano entraremos de cabeza na Televisión e demostraremos que no CEIP As Covas a "caixa tonta" é máis lista que un allo! Así que lembrade... non cambiedes de canle!

Sáudos e feliz comezo de curso!

miércoles, 22 de junio de 2016

Felices Vacacións!


Pois si, chegou o verán e tamén as merecidas vacacións!
 
Dende o blog do Equipo de dinamización da lingua galega quixéramos darvos as grazas pola vosa colaboración, na organización de todas as actividades que se foron desenvolvendo a longo do curso e polo voso apoio.

Pero, sobre todo, pola gran labor que facedes na defensa da nosa lingua. Son moitas as cualidades que teñen os alumnos e alumnas do CEIP de Meaño As Covas, pero unha moi, moi especial é o ben que soa escoitalos falar en Galego; tamén en Castelán, e Inglés, e... pero esa primeira lingua que levan empeza a ser un tesouro que entre todos debemos mimar.

Así que moito verán, mais ocio activo e a gozar destas semanas sen os horarios que o tempo de escola acaba impoñendo.
E non moito mais; pola miña parte despedirme, foi un pracer compartir estes anos que me deron moi bos recordos e que, sen dúbida, tamén me fixeron crecer como persoa. Unha aperta e ata sempre!
Pedro.

martes, 14 de junio de 2016

Revista Buxaina!

Con un pouco de atraso, pero xa chegou a nosa revista escolar Buxaina. Este ano de xeito monográfico a Manuel María: encrucillados, aspectos da súa obra e algún dos seus contos.
E non nos podemos esquecer da despedida do alumnado de 6º, fai pouco viñan da infantil e xa están marchando para o instituto (...)
Esperamos que vos guste a nosa revista escolar, tentaremos que nas clases teñades un exemplar para compartir nestes ultimos días do curso.

Saúdos dende o EDLG!


domingo, 12 de junio de 2016

Mini e Mero cantan con Nós a Manuel María


Hai anos nos que a celebración das Letras Galegas permítenos coñecer con mais profundidade as obras dos autores homenaxeados. Pasounos con Novoneyra, con Vidal Bolaño... e, claro, neste 2016, tíñamos a Manuel María. Poeta, sobre todo; pero, sen dúbida, unha gran referencia para a nosa cultura.
Tentamos achegarnos á súa obra, aos seus contos, á súa vida. E que mellor modo de concluír este curso que cantando os seus poemas con Mini e Mero, amigos persoais del e que tan ben musicaron as súas verbas. Pois isto foi o que aconteceu na nosa escola este venres: música, poemas e unha sensación de que se estaba a vivir algo moi especial na defensa da nosa lingua.
Esperamos contar en breve cos vídeos do que foi este encontro, pero, mentres, aquí vos queda unhas poucas fotos da xornada. E a música? Iso o deixamos a gusto de cada uno, aínda que vos podemos deixar unha proposta que sempre funciona: "O Carro"
Saúdos dende o equipo de dinamización da lingua galega.  

viernes, 10 de junio de 2016

Excursión a Santiago!



Intenso final de curso o que estamos a ter. Onte foi un “clásico das excursión”; visita a Santiago de Compostela, con ruta polos tellados da Catedral, visita didáctica polo Museo de Pobo Galego e xogos a fartar nos Xardíns de Bonaval. Unha magnífica xornada na que ata o tempo acompañou.
Deixámosvos unhas cantas fotos, para que vexades o que foi a nosa incursión por Santiago. E, coma sempre, se considerades que algunha imaxe non debería estar subida ao blog, avisade que se retirará o mais axiña posible.
Saúdos!

miércoles, 1 de junio de 2016

Aprazamos a xornada con Mini e Mero

Como se soe dicir; problemas do directo!
Mañá enviarémosvos unha nota a todas ás familias coa nova data, pero lamentablemente este venres non haberá cancioneiro para recordar a Manuel María.
(Mais tempo para ensaiar, non?)

Un saúdo dende o equipo de dinamización da lingua galega.

domingo, 29 de mayo de 2016

O venres... Cantamos a Manuel María con Mini e Mero!









Pois nesta semana rematamos o noso mes Das Letras Galegas e facémolo con música, porque Manuel María é o poeta mais musicado da nosa lingua. Contaremos coa visita de Mini e Mero, para facer da mañá do próximo día 3 un diálogo musical no que non faltará  “O Carro”, “O aradiño” ou “O cuco”.

Gustaríanos que puiderades participar todos e todas desta xornada pero a realidade é que estamos moi limitados de espazo, así que se estades interesados en vir e cantar con nós, agradecerémosvos que chamedes ao cole nestes días para confirmar a vosa asistencia.
Un saúdo e vémonos o venres!

Último día con Mark




Pois si, este venres foi o derradeiro día de Mark na nosa escola. Durante estes dous cursos a súa axuda foi un referente para todos, e permitiunos mellorar a nosa competencia lingüística en inglés. 

Temos que agradecerlle a súa participación e a integración na vida do centro; de feito,  posiblemente fale o mellor galego de toda California.  
O dito, foi un pracer contar coa súa presenza na nosa escola e confiamos velo novamente nalgunha das nosas actividades.

Moi boa sorte na túa nova escola. See  you soon, Mark!

sábado, 21 de mayo de 2016

Celebrando a Semana das Letras Galegas



Dentro da celebración das Letras Galegas tivemos no día de onte unha xornada moi especial. A nosa particular ruta ata os muíños de Lores, onde nos esperaban avós, avoas e tamén algunha bisavoa; para contarnos contos dos de sempre e algunha historia que aínda que o parecera, de conto non tiña nada.

Xogos, merenda, e mais contos, en galego! Coas historias cheas de retranca, humor e amor de “Tropa de trapo”.
Unha día no que nos acompañaron os alumnos da Unitaria de Xil, os mais pequenos da Galiña Azul e moitas familias que puideron achegarse a compartir esta xornada na que as verbas de Manuel María soaron mellor que nunca:
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma,
a mais forte irmandade”.

Deixámosvos unhas poucas fotos, esperamos que vos gusten. E, recordade, no caso de que vexades algunha que non debería de estar compartida; avisádenos que se retirará o antes posible.
Saúdos dende o Equipo de dinamización da lingua galega.


lunes, 9 de mayo de 2016

Semana das Letras Galegas





Comezamos a Semana das Letras Galegas. Aínda que, en realidade, levamos xa moito tempo celebrando as obras que nos deixou Manuel María: proxectos de traballo, obradoiros de poesía e incluso exposicións itinerantes; como a que tivemos a pasada semana no noso centro. Unha mostra de carteis – murais realizados polos IES Francisco Asorey de Cambados.
Estade atentos ao blog que en breve daremos mais información das actividades que imos a realizar. Saúdos!