Moitas veces, tivemos que escoitar: “ El gallego no és una lengua”, "El gallego no és una lengua científica", “ Con el gallego no vas a ningún lado”....
O galego é a miña lingua, a dos meus pais e a dos meus avós, a dos meus devanceiros, e polo tanto será a dos meus fillos. A lingua dos arrolos, a das verbas xeitosas cheas do agarimo dunha nai polos seus fillos.
Quero aplicar a miña ciencia á lingua, para pintar a face do noso maior ben colectivo, a nosa mellor herdanza, a mellor tarxeta de presentación dun pobo: a lingua galega.

lunes, 31 de enero de 2011

Poema á nosa lingua

Manuel María

Renunciade á vella lingua
que nos vén tan de lonxe,
tan de fondo, luída con amor
xeneración con xeneración,
soporte do noso esprito,
flor do noso sentimento,
fonte da que agroma
o cachón potente do pensar.

Renunciade á vella lingua,
a creación máis xenial
do noso pobo, a cunca
sacra que garda a fonda
e total plenitude do noso ser.

Renunciade á vella lingua,
a fala nai, e seredes
entón máis señoritos,
seredes máis “castizos”.

Renunciade á vella lingua
-aínda que non sei como
faredes para borrar ese
escuro acento delator-
e quedaredes capados:
sen as palabras precisas
pra aquecer o corazón,
para expresar de verdade
o que vós sodes.

Renunciade á vella lingua
que dende séculos vén
mamando o noso pobo
e quedaredes envoltos,
sulagados
na tebra e na impotencia.

Quedaredes mudos,
sen a palabra
que alumea e que revela.

Versos para un país de minifundios

domingo, 30 de enero de 2011

Fotos do Día da Paz!

Deixámosvos un breve resume da nosa celebración, onde houbo poesías, cancións e moitos avións cargados das nosas mensaxes de Paz. Esperamos que vos gusten!

2011_01_28 Día da Paz

30 de xaneiro, Día da Paz

O pasado venres celebrámolo o noso Día da Paz. Foi unha xornada de reflexión sobre o mundo que nos está tocando vivir, e de festa. Unha festa de sentimentos positivos e de busca da xustiza, xa que como dicía Martin Luther King Jr., " a verdadeira paz non é simplemente a ausencia de tensión: é a presenza de xustiza".

Así que este ano quixemos facer o noso esforzo solidario colaborando coa fundación Vicente Ferrer:

http://www.fundacionvicenteferrer.org/es/

Coa venda dos distintos “marca páxinas” participamos da obra que está a desenvolver a fundación Vicente Ferrer na procura dunha mellor sanidade, educación e desenvolvemento da mocidade de Anantapur, na India.

lunes, 24 de enero de 2011

Recordando o Nadal

Aínda que xa as tíñamos subidas á páxina web do colexio, colgámolas no blog -que sempre son máis fáciles de ver-

Que as disfrutedes!


Festival Nadal

domingo, 23 de enero de 2011

Crónica dunha morte anunciada

Na Universidade de Bremen (Alemaña) acaba de presentarse unha tese de licenciatura que analiza os efectos das medidas lexislativas tomadas polo actual Goberno da Xunta do Sr. Presidente Alberto Núñez Feijóo sobre o galego. A tese, un "estudo empírico" supervisado po Klaus Zimmermann, asínaa Zuzana Pesselova e leva por título Auswirkungen der neueren galicischen Sprachpolitik im Kontext des galicischen Weltbildes ("As consecuencias da política lingüística galega recente nun contexto do mundo galego).
O que Pesselova realiza é un intento de avaliar as informacións que recolleu en setembro de 2010, usando como "fío condutor" os criterios da Unesco, establecidos para facilitar a avaliación do estado de perigo dunha lingua. Para a investigadora, a situación actual en Galicia vén caracterizada polas "dúbidas colectivas do sentido da lealdade cara á lingua", segundo as bases da Theory of Language Death, de Sasse, e por iso a investigadora escolleu o contacto de "morte da lingua" (Language Death) e "linguas en perigo" (Language Endangerment).
O principal resultado é que "a vitalidade é un proceso inherentemente creador" e que o Decreto do ensino do Goberno Feijóo "corta" un campo do uso do galego (as matemáticas o as ciencias naturais, denominados Loss of existing Domain), de tal xeito que recorta a lingua na súa vitalidade, "porque de facto prohibe a creacion da lingua nun campo determinado e prohibe o desenvolvemento libre dos seres humanos", en conexión tanto cos dereitos lingüísticos como cos dereitos humanos.
Pesselova observa catro tendencias: a máis importante é a que deixa a lingua marchar cara ao "falecemento" e que se acomete unha "política de violación e manipulación", ao tempo que se rexistra unha perda do material educativo e a consecuente interrupción de transmisión entre as xeracións.
Deste xeito, co Decreto do 2009, o galego pasa de ser avaliada como unha lingua vacilante a quedar no estatus de "definitivamente en perigo".
Na segunda parte do traballo, a investigadora intenta chegar a un entendemento máis profundo do caso galego a través dos conceptos de "sentimento vs. emoción" (baseados en lingüística antropolóxica e psicoterapia moderna) e "concepto do mundo interno e externo" (baseados en Wilhelm von Humboldt). Facendo a síntese das dúas liñas, chega a unha interpretación de "modestia galega" que fai a situación comprensible.