Este venres
28 de outubro celebrámolo o noso Samaín. Unha celebración onde non faltarán as cabazas
decoradas, os contos de medo e mesmo unha gran merenda de outono.
Pero de onde ven
esta festa?
-ORIXE HISTÓRICA DA FESTA-
A orixe desta festa de defuntos e da
tradición da talla de caveiras de calacú pérdese na noite dos tempos e
posiblemente as celebracións de hoxe en día sexan a mestura das tradicións e
dos ritos dos diferentes pobos que pasaron por esta terra.
Así, para os celtas o Samaín ( 31 de outubro) era a derradeira noite do ano e
considerábase un momento propicio para presaxia-lo futuro. Pensaban que nesta noite as portas do outro mundo quedaban
abertas e as ánimas dos difuntos, e outros espíritos, invadían, por unhas
horas, o mundo dos vivos. As ánimas dos finados voltaban para visita-las
súas famílias nas que foran as súas casas para quentárense a carón do lume e
comeren dos alimentos que lles tiñan preparados. Os druídas celtas
tamén acendían grandes fogueiras e colocaban as caveiras iluminadas dos seus
inimigos no máis alto dos castros co aquel de escorrentaren os espíritos
malignos. Posiblemente de aí vén o costume de facer caveiras coas cabazas
e pórlles despoís unha candea acesa dentro. Esta tradición conservouse
ata os nosos días en toda Galicia e en cada lugar recibe distintos nomes:
calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en
Ortigueira, colondros en Ourense, etc. Hai apenas 25 anos aínda se facían na
parroquia de Salcedo.
Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano, era
tradición común en Galicia, así que xa sabedes, menos Halloween e máis Samaín!