Moitas veces, tivemos que escoitar: “ El gallego no és una lengua”, "El gallego no és una lengua científica", “ Con el gallego no vas a ningún lado”....
O galego é a miña lingua, a dos meus pais e a dos meus avós, a dos meus devanceiros, e polo tanto será a dos meus fillos. A lingua dos arrolos, a das verbas xeitosas cheas do agarimo dunha nai polos seus fillos.
Quero aplicar a miña ciencia á lingua, para pintar a face do noso maior ben colectivo, a nosa mellor herdanza, a mellor tarxeta de presentación dun pobo: a lingua galega.

martes, 14 de diciembre de 2010

A nosa fala

A fala
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
Manuel María (2001).

No hay comentarios:

Publicar un comentario