DEITADO FRENTE AO MAR...
"Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gusta,
porque me peta e quero e dáme a gaña;
porque me sae de dentro, alá do fondo
de unha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada en outra lingua.
Non falo para os soberbios,
non falo para os ruíns e poderosos,
non falo para os finchados,
non falo para os estúpidos,
non falo para os baleiros,
que falo para os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
para os que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de todos os que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada fronte ao mar, ese camiño..."
Curros Enríquez